Friday 19 de April de 2024

O alcalde Sánchez Bugallo destaca que Santiago é a cidade galega que máis reduciu o desemprego no mes de maio


A cifra de desempregados, con 4.482 persoas, é a máis baixa de toda a serie histórica de Compostela desde que existen estatísticas.
En rolda de prensa, o rexedor tamén anunciou a reapertura parcial e provisional da rúa de Concheiros, que terá lugar mañá, 4 de xuño, ás 12:30 h

Santiago é a cidade galega que presenta mellores datos de emprego, segundo as cifras facilitadas polo Servizo Público de Emprego Estatal, maio rematou con 4. 482 persoas desempregadas en Compostela. En rolda de prensa, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comparounas cos datos de abril de 2010, o último Ano Santo antes de 2021, cando en Santiago había 7.399 desempregados.

Compostela é a cidade, “que máis reduciu os datos de paro de Galicia”, sinalou. É ademais, a cifra máis baixa de toda a serie histórica desde desde que existen estatísticas. Son datos que reflicten “que estamos facendo moitas cousas que están funcionando ben e podemos estar satisfeitos de que evolucione” na boa dirección, “aínda que quede moito por facer”.

Audio 1. Emprego

Parte destes datos, sinalou, débense ao gran número de visitas que recibe a cidade, “desde Semana Santa”, que cualifica de “éxito espectacular”. Explicou que o “mes de abril foi récord histórico” no aeroporto Rosalía de Castro, con 292.000 viaxeiros, un 15% de subida con relación a aril de 2019, que era o récord anterior, e en claro contraste do 12% de descenso no conxunto de España e cunha cuota de mercado en Galicia do 67% en canto a viaxeiros, e do 82% en mercadorías”.

“Un resultado excepcional”, engade que prevé, sexa superado “cando teñamos os datos do mes de maio, que tamén promete ser un maio histórico, desde o punto de vista de usuarios do aeroporto”. A estes visitantes súmanse os que chegan por ferrocarril. “Desde a entrada da liña de AVE” a nosa cidade “está recibindo un número de viaxiros, sobre todo de longo percorrido, moi superior a de outros anos”. Recoñece o rexedor que “temos dificultades nas conexións de cercanías, e un resultado extraordinario nas conexións de longo percorrido, basicamente con Madrid”. “Aumentamos viaxeiros polos dous lados”, resalta o alcalde. Ao que se suma a “etapa histórica que estamos vivindo na celebración de congresos”.

“Todo isto”, continua Sánchez Bugallo, está a pór a proba a capacidade da cidade, tanto desde o punto de vista hoteleiros, como noutros servizos dos que se está a falar continuamente, como é o servizo de taxis”. Sánchez Bugallo teme “morrer de éxito”, e sinala que o obxectivo é que todas esas persoas que visitan a cidade, marchen con ganas de volver, “e animando as súas amizades e familiares a visitar Santiago”. Neste senso, o rexedor apela “a prudencia” respecto da subida de tarifas no sector hostaleiro e nos hoteis. Con respecto ao servizo de taxi, anunciou que o vindeiro luns está prevista unha reunión “na que falaremos cos taxistas sobre o que hai que facer”.

Asegura que lle parece ben a proposta da entidade para que os profesionais do taxi dos concellos limítrofes, poidan reforzar o servizo en Santiago en datas sinaladas, de gran afluencia de persoas, como durante a celebración do festival “Son do Camiño”. “Estamos dispostos a facilitar isto, pero non sei se será suficiente”, subliñou. “Temos que pensar que solucións tomamos para esta etapa” de alta afluencia turísticas, “que previsiblemente vai durar” ata outubro. “Falaremos cos taxistas e coa Comunidade Autónoma”, engadiu.

Rúa de Concheiros

Sánchez Bugallo tamén anunciou a reapertura “parcial e provisional” da rúa de Concheiros, despois da remodelación que se levou a cabo. Abrirase ao tráfico de vehículos lixeiros, non de autobuses, mañá sábado, 4 de xuño, ás 12:30 h. Será, como estaba anunciado, de doble dirección. “Iremos vendo como funciona a conexión entre Concheiros e Rodríguez de Viguri. É unha conexión complexa, polo que lle pediremos a policía local e aos servizos de tráfico que presten unha atención especial, e paulatinamente, ao longo da semana que ven iremos correxindo aqueles que se considere oportuno mellorar”, para dentro de dúas semanas, abrir tamén, engadiu o rexedor, ao transporte público.

Audio 2. Apertura parcial Concheiros

Desta zona, o que máis lle preocupa ao alcalde, “é o tema da seguridade no nó de Concheiros”, no cruce con Rodríguez de Viguri, concretamente no tramo das obras executado pola consellería de Infraestruturas da Xunta, onde, subuliña, “pensamos reforzar a sinaléctica”

Economía social

Sánchez Bugallo tamén lembrou na rolda de prensa, que hoxe é o “Día internacional das empresas de integración social”, que coniciden co ano no que Santiago foi declarada Capital da Economía Social 2022. Celebrase, segundo anunciou, cun programa de actividades que se desenvolverá a partir deste mes, en colaboración coa Vicepresidencia Social do Goberno; e coa aprobación, previsiblemente no pleno extraordinario do próximo día 17, dun paquete de axudas destinado ás empresas de economía social, por importe de 300.000 euros.

Plataforma loxística de mercadorías

A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo tamén se referiu á plataforma loxística de mercadorías que está previsto construir en Meixonfrío. Unha infraestrutura de “interese xeral”, sinalou, “como a ampliación do CHUS, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela”, que “dá solucion a un problema que ven afogando á cidade histórica desde hai 30 anos”, como é dano ao patrimonio causado polo reparto de mercadorías con vehículos contaminantes e pesados.

“Preocúpame”, indicou o alcalde, “perder eses catro millóns de euros de subvencións” que concedeu o Goberno Central para levar a cabo o proxecto. Esta tarde, o alcalde manterá unha reunión coa veciñanza de Meixonfrío para abordar este asunto así como outra serie de melloras no barrios.